jueves, 31 de mayo de 2007

As novas de hoxe


A imaxe representa a evolución dos prezos por metro cadrado dun piso en Ribeira segundo unha inmobiliaria que se anuncia por Internet. A columna laranxa representa unha oferta dunha casa que salio hoxe.


No vídeo que colguei onte, e tamén no preámbulo da Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral, falábase de que as urbanizacións desordenadas non son boas para os pobos. Por certo, que xa colgarei a continuación do vídeo.

Hoxe, atopo en La Voz de Galicia dúas novas moi relacionadas co vídeo. Por unha banda esta nova fala de que a hipoteca media no Barbanza encareceuse 180 euros dende o ano 2005, e que para un préstamo de 130.000 euros, fan falta 650 euros ó mes, e para pagar só a suba que tiveron por termo medio as hipotecas este ano fai falta un soldo completo dun empregado que cobre o salario mínimo interprofesional.

Claro que vostedes dirán que ninguén que cobre o salario mínimo interprofesional pode meterse nunha hipoteca, e non lles falta razón. De feito ningún banco llela daría. Pero é que ademais, segundo esta outra nova, as rendas das xentes de Noia e Barbanza están entre as dez máis baixas de Galiza. Tendo en conta os niveis de ingreso na zona farían falta as mensualidades de 13 anos íntegros para pagar unha hipoteca de 130.000 euros. Esa hipoteca representa o 80% do prezo medio dun piso na comarca.

Eu non estou en contra de que se constrúa na comarca, pero penso que é necesario frear a especulación e dedicar o solo as xentes que están a vivir aquí. É necesario un novo plan urbanístico racional para un desenvolvemento sostible das nosas cidades.

Finalmente, nesta outra nova din: "¿quen son os potenciais compradores dun apartamento de 50 metros cadrados polo que se abona 120.000 euros? Madrileños, valisoletanos e leoneses son os que buscan nesta zona do litoral o espazo ideal para pasar as vacacións. Sen esquecernos dos ourensáns."

miércoles, 30 de mayo de 2007

Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral



Video: Documental de Alternativa Canguesa de Esquerdas Cangas do Morrazo 2007 Un Novo Plan 1ªParte ACE na Rede: http://acealternativa.wordpress.com/

Púxenme a investigar. Só fai uns poucos días —o pasado día 17 de maio— entrou en vigor a Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral (PDF). No preámbulo da Lei di que tal e como están a facerse as cousas imos sufrir graves prexuízos económicos, sociais e ambientais. O modelo de construcción non é eficiente, pois a dotación de infraestructuras adecuadas (accesos, comunicacións, rede sanitaria, enerxía, etc.) é moi caro; créanse urbanizacións que non son accesibles as economías dos mozos das áreas nas que se constrúen, creándose ghetos para os turistas; deteriorase a paixase e acabase cos espacios verdes ca diversidade, cos modelos urbanísticos e económicos tradicionais, etc.

Segundo esta nova lei: «Suspéndese a tramitación e aprobación dos plans especiais de reforma interior, plans parciais, plans de sectorización e instrumentos de equidistribución que teñan por obxecto a transformación urbanística de terreos situados a unha distancia inferior a 500 metros, medidos en proxección horizontal terra a dentro, desde o límite interior da ribeira do mar dos municipios que se relacionan no anexo».

martes, 29 de mayo de 2007

E logo ¿por qué?


Algún acontecemento recente fixo que eu empezara a escribir esta bitácora sobre algunha cousa que acontece no Concello de Ribeira, e máis en concreto na miña parroquia de Castiñeiras.
O pasado venres día 25 de maio, nunha leira da rúa na que resido vin que estaban a poñer unhas marquiñas no chan e que sacaran o peche da mesma. Iso non ten nada de particular, especialmente nas áreas preto da costa. Supoño que xa tedes oído que nas costas de Galiza están a crecer novas construccións como cogomelos. O que me fixo sospeitar é que fora precisamente na véspera das elección municipais. E logo, ¿por qué ían estes a comezar as obras xusto nun venres antes das elección?